Sunday 19 de May de 2024

A Xunta adhire as tendas de IKEA en Galicia á Tarxeta Benvida para que as familias poidan empregala na compra de productos para os seus bebés


— Os seus beneficiarios poderán facer uso dela a partir do 1 de decembro nas instalacións da Coruña e tamén nas oficinas de Santiago, Vigo e Ourense

— A Tarxeta Benvida chegou a 100.000 familias galegas desde o ano 2016 e a Xunta investiu no seu funcionamento máis de 200 millóns de euros

— Ofrece un apoio económico de 1.200 euros ao ano para cada neno que se pode estender ata os catro anos de vida dos pequenos en fogares con máis necesidades

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, anunciou esta mañá que a Xunta adheriu as tendas de IKEA en Galicia á Tarxeta Benvida para que as familias poidan empregala na compra de produtos para os seus bebés. Fíxoo durante unha visita ás instalacións de IKEA na Coruña na que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e onde remarcou que tamén se poderá facer uso dela nas oficinas de planificación de Santiago, Vigo e Ourense.

A conselleira lembrou que a Tarxeta Benvida foi impulsada polo Goberno galego no ano 2016 para axudar ás familias con nenos de 0 a 3 anos na compra de produtos básicos tras o seu nacemento como alimentos, cueiros, roupa, mobles ou tamén produtos de farmacia. Neste tempo ten beneficiado a 100.000 familias galegas e a Xunta destinou máis de 200 millóns de euros no seu funcionamento.

Son moitos os comercios, farmacias e establecementos que permiten empregar esta tarxeta e, a partir do 1 de decembro, tamén se poderá facer uso dela nas tendas de IKEA en Galicia. Fabiola García destacou que con esta adhesión o Goberno galego pretende que as familias planifiquen a chegada do seu fillo coa máxima ilusión e coas mínimas preocupacións económicas posibles.

Apoio económico para as familias
En concreto, esta importante axuda permite ofrecer un apoio económico de 1.200 euros ao ano por cada neno que se pode estender ata os catro anos de vida dos pequenos en caso de fogares con máis necesidades. Así mesmo, as contías duplícanse no caso das familias numerosas e tamén se incrementan para as familias que viven en concellos do rural.